77km. Comezamos na estación de tren de Saint Nazaire (un tren de/a Nantes cada hora, 12€) dende onde partiremos cara Guérande polo interior. Bordearemos o Lago du Bois-Joalland antes de adentrarnos no Parque Natural Rexional de Brière. O camiño, entre bosques e campos, non está demasiado transitado e é un paseo agradable ata a vila medieval de Guérande. A cidade posúe unhas murallas todo ao longo da cidade moi ben conservadas e paga a pena perderse polas súas rúas e parar pra descansar e tomar algo na praza da igrexa.
Guérande está nun pequeno alto, así que descenderemos para atravesar as Marais Salants (o sal de Guérande é un dos productos estrela da rexión) e chegar ao Croisic. Hai que dicir que nas marismas acostuma facer bastante vento. Unha vez no Croisic, vila que tamén merece unha visita, daremos a volta á península para xa non abandonar a liña de costa ata que cheguemos de volta a Saint Nazaire. As calas e praias sucederanse unha tras outra, salpicadas de pequenos acantilados e rochedos. Destaca a praia de la Baule, cos seus máis de 8 quilómetros e a praia de Saint Marc sur Mer, famosa pola rodaxe do filme "As vacacións do señor Hulot" e na que se atopa unha estatua do protagonista do filme mirando cara ao mar. Iso si, para aproveitar a praia, mellor coa marea alta. Track e altimetrías en Wikiloc.
0 Comments
|