63km. Esta ruta comeza e remata no concello de Ribadumia, aínda que podemos tomar calquera outro punto como lugar de inicio. Nós decidimos plantexar a ruta en sentido contrario ás agullas do reloxo, facendo así que a subida ao Castrove quede ao final da etapa por dous motivos: en caso de fatiga, sempre sería posíbel achegarse a Pontevedra e coller o tren de volta a Vilagarcía e, a razón máis importante, a baixada polo lado da Armenteira é menos técnica e permite realizar o descenso a maior velocidade. Ademais, as vistas son máis interesantes dende o lado da ría de Pontevedra e a lenta subida permite, xa que logo, recrearse con máis calma nas vistas e incluso parar a descansar cun agradable telón de fondo.
Trátase dunha ruta que vai pola estrada costeira da cara norte da ría de Pontevedra, o que quere dicir que o camiño é agradable, posto que teremos o mar sempre á nosa dereita dende o momento que alcanzamos a praia da Lanzada, pero tamén que haberá moito tráfico e polo tanto, o traxecto será algo perigoso. En canto á dificultade, a ruta vai sempre sobre asfalto, pero a subida ao Castrove é bastante dura (ver máis abaixo os gráficos obtidos grazas a IBPindex). En calquera caso, o percorrido paga a pena. Os puntos máis interesantes son a praia da Lanzada e a súa capela, a vila de Combarro e o monte de Tragove, aínda que as vistas da ría son case constantes e a ruta permite parar nas numerosas praias que atoparemos ao longo de todo o camiño. Track e altimetrías en Wikiloc.
0 Comments
|
ArchivesCategories |