Hai uns días Steph máis eu fomos pasar a fin de semana á Illa de Groix (na Bretaña francesa, na costa de Lorient) e convencina para alquilar un tándem. O certo é que resultou moito máis difícil do que eu pensaba. Tamén é certo que o tándem non furrulaba especialmente ben (na tenda onde os alquilaban só tiñan dous, un máis vello que o outro e a nós tocounos o "novo" que non era ningunha marabilla...), as cadeas e os piñóns estaban bastante oxidados e facían un ruído infernal que ía asustando a todo canto animaliño topaba con nós . O certo é que eu sempre tivera curiosidade por saber como sería ir en tándem e dadas as previsións de fin de semana romántico, pareceume unha boa idea poñerse a proba pedaleando "en binome". Recoméndovos obviamente ler o foro de Rodadas, onde sempre se atopan os mellores consellos para todo o relacionado co mundo das bicis e do ciclismo. Dende esa web invitan a ler os consellos deste blogue: sheldonbrown.com. E sen dúbida é toda unha proba de compenetración. Nos blogues que puxen máis arriba poderedes ler máis sobre a maneira de viaxar en tándem e como pouco a pouco todo parece máis fácil e pode chegar a ser unha boa opción para cicloturistas.
Steph máis eu alquilamos o tándem só durante unha tarde e unha mañá, é dicir, 24h. E si que é certo que ao final acabas moito máis compenetrado. Ao principio, a persoa que vai diante ten que avisar cando arranca, cando vai deixar de pedalear, o ritmo... Pero é que ata para arrancar era complicado ao principio! Sobre todo se temos en conta que Steph é destra de pé e eu son zurdo... Pouco a pouco todo foi moito máis sinxelo, pero a persoa que vai detrás (e retomo as palabras de Steph) vai coma se estivera nunha montaña rusa. É dicir, non controla absolutamente nada e cada cambio ou movemento brusco do "piloto" produce unha pequena sensación de vertixe e de perda de equilibrio. A sensación de velocidade tamén é moito maior así que eu tiña que ter coidado de non deixarme levar moito nas costas abaixo e ir frenando suavemente... Para a persoa que vai diante, as cousas son relativamente máis sinxelas, aínda que o que máis notei foi unha fatiga moito maior nos brazos que cando vou eu só na bici. O que está claro é que a experiencia pagou a pena, e que é algo que hai probar!
0 Comments
Leave a Reply. |